A historia deJOAQUÍN LEMA

Lola “A Touca” era a avoa de Joaquín Lema, unha muller que criou á súa familia grazas ao cultivo e á venda de ostras de Arcade en Galicia e fóra, tamén, do noso país. Desa tradición Joaquín aprendeu a importancia deste molusco bivalvo e o orgullo que supón para o concello de Soutomaior ter esta referencia gastronómica para dar a coñecer parte das bondades deste territorio ubicado ao fondo da ría de Vigo.

A marca “Ostra de Arcade” segue a ser recoñecida aínda que hoxe a produción é moi limitada. De feito, o proxecto Ostreares, que se está a desenvolver actualmente con acompañamento científico, persegue a recuperación deste cultivo mariño nos bancos marisqueiros da enseada de San Simón.

A ostra plana é un bocado saboroso que se adoita tomar ao natural. Porén, Joaquín Lema quixo afondar noutras elaboracións tradicionais e contemporáneas para descubrir a versatilidade dun produto que engancha e que dá nome a unha das festas gastronómicas con maior impacto no noso país.

Buscamos receitas diferentes coa ostra e estase vendo que teñen éxito

― Joaquín Lema ―