A historia deBELÉN LEIRO 

O proxecto Casa Atlántica naceu en Barcelona en 2014. A idea inicial consistiu en facer unha escolla de pezas artesanais da cultura tradicional galega e darlles unha nova vida e un novo uso co toque que aplicaban os deseñadores do estudio. Belén Leiro, que hoxe traballa desde o seu taller de Redondela, puliu e perfeccionou a idea até convertela no seu medio de vida.

O fin de Casa Atlántica é revalorizar esas pezas tradicionais para incorporalas ao mercado na procura dun potencial cliente urbano que busca orixinalidade e tradición. Colaboran con pequenos talleres de produción artesanal en Galicia e o norte de Portugal para a produción dos seus deseños. Para eles é importante volver ao esencial para que os clientes sintan que hai maneiras de producir que respectan a contorna máis próxima traballando dende o local para o local.

As pezas de Casa Atlántica poden adquirirse na súa tenda online onde dispoñen dun catálogo para remexer até atopar algo que levar para a túa casa.

Tíñamos a teima de revalorizar produtos, aqueles obxectos cotiáns que nos levaban a nosa infancia, ao noso lugar de orixe.

― Belén Leiro ―